Voto por correo.

Voto por correo.

Artigo 44. Do voto por correspondencia

1. Unicamente se admitirá o voto por correo nas votacións para membros da asemblea xeral naqueles estamentos integrados por persoas físicas.

2. En ningún caso as persoas electoras que solicitasen o exercicio do dereito a voto por correo poderá emitir o voto de forma presencial.

3. As persoas electoras poderán emitir o seu voto por correo, de conformidade co seguinte procedemento:

a) A persoa electora solicitará por escrito o seu dereito ao voto por correo á xunta electoral e a súa inclusión no censo especial de voto por correo. Esta solicitude deberá realizarse a partir do día seguinte ao da convocatoria das eleccións e ata cinco días despois da publicación do censo definitivo, cubrindo o documento normalizado que se axustará ao anexo I do presente decreto. Diariamente a xunta electoral remitirá electronicamente á Secretaría Xeral para o Deporte unha listaxe nominal coas solicitudes de voto por correo solicitadas o día anterior. Non poderán incluírse no censo de persoas con dereito a exercer o voto por correo aquelas persoas electoras que non figurasen nas listas nominais, incluída a lista do último día de prazo para solicitalo remitida á Secretaría Xeral para o Deporte.

b) A solicitude presentarase persoalmente, exhibindo o DNI, pasaporte ou autorización de residencia ante a secretaría da federación ou ante a persoa responsable das delegacións, de ser o caso, das que dispoña cada federación, e que deberán trasladar a solicitude á xunta electoral.

c) No caso de enfermidade ou incapacidade que impida a presentación persoal da solicitude, deberá acreditarse mediante certificado médico e poderá ser exercido ese dereito en nome da persoa electora mediante representante autorizada notarialmente e por documento que se expedise individualmente en relación con cada persoa electora e sen que nel poidan incluírse varias persoas electoras; unha persoa non poderá representar máis dunha electora. Nestes casos, a xunta electoral comprobará, en cada caso, a concorrencia das circunstancias ás que se refire esta alínea.

d) Recibida a solicitude, a xunta electoral comprobará a inscrición da persoa solicitante no censo electoral.

e) O censo de persoas autorizadas para o exercicio do voto por correo deberase remitir á Secretaría Xeral para o Deporte, e publicarase ademais nas páxinas web das respectivas federacións, e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte no caso de que estas non dispuxesen deste servizo.

f) A xunta electoral enviará á persoa electora, por correo certificado, os sobres electorais e as papeletas de todas as candidaturas, así como a documentación necesaria, ao domicilio indicado na súa solicitude ou, na súa falta, ao que figure no censo.

g) A persoa electora introducirá a papeleta no sobre de votación do estamento e, se é o caso, especialidade deportiva a que pertenza. Posteriormente, este sobre introdúcese dentro do que vai dirixido á mesa electoral, xunto coa fotocopia do DNI ou permiso equivalente.

h) A presentación dos votos nas oficinas de Correos deberá realizarse con seis (6) días hábiles de antelación á data de realización das eleccións, mediante envío por correo, e non serán admitidos os sobres depositados con data posterior; deberase debendo indicar no enderezo que vai dirixido á Secretaría Xeral para o Deporte, que custodiará esta documentación ata o día da votación.